Friday 03 de May de 2024

Ánxeles Vázquez invita ao sector da hostalería a participar na Alianza Galega polo Clima para avanzar na economía circular


A conselleira salienta que a Estrela Verde Michelin e a súa traxectoria converten aos galegos galardoados con este recoñecemento en voceiros e referentes da gastronomía sustentable da Comunidade
Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2021.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, invitou esta mañá ao sector da hostalería a participar na Alianza Galega polo Clima para avanzar na economía circular e sumarse á loita contra o cambio climático.

A conselleira recibiu esta mañá aos cociñeiros Javier Olleros (Culler de Pau), Xosé Cannas (Pepe Vieira) e Marta Fernández e Roberto Filgueira (O Balado), recentemente galardoados, por segundo ano consecutivo, coa Estrela Verde Michelin, aos que lles explicou que a Alianza estará formadas por unha rede de organizacións públicas e privadas implicadas na mellora do medio ambiente e o impulso dunha economía circular e sostible.

Así, defendeu que estes tres referentes gastronómicos galegos xa deron pasos e mostras do seu compromiso, polo que os invitou a compartir o seu traballo e experiencia, pois “de seguro será moi nutritivo para acadar os obxectivos e medidas da Alianza”, cuxo documento de compromiso de adhesión estará rematado no vindeiro ano.

Nese sentido, o cociñeiro de Pepe Vieira (Poio), Xosé Cannas, agradeceu a invitación da conselleira para “saber cal é a opinión do sector” e defendeu que Galicia está nun momento óptimo para ser un referente medioambiental de ámbito nacional e sobre todo porque “o sector ten vocación para conseguilo”.

O cociñeiro de Culler de Pau (O Grove), Javier Olleiros, explicou que estes recoñecementos verdes serven “para poñer o debate da sustentabilidade enriba da mesa” e a toda a profesión fainos “máis conscientes da necesidade de sumar para deixar un mundo mellor”.

Pola súa banda, Roberto Filgueira, de O Balado (Boqueixón), afirmou que “Galicia está moi ben posicionada e pode ser líder nos movementos e políticas verdes”, polo que se deben avanzar pasos sempre desde a colaboración entre as administracións e entidades privadas, como neste caso co sector da restauración.

Así mesmo, Ángeles Vázquez salientou que estes tres distintivos son un novo recoñecemento do potencial do sector hostaleiro en Galicia e sinalou que os propietarios destes tres establecementos se converten en portavoces e referentes do traballo e da implicación da alta cociña en Galicia.

Por último, apuntou que son restaurantes “punteiros en prácticas sustentables”, grazas a cuestións tan accesibles para todos como o uso de produtos de proximidade e tempada ou a conversión dos residuos en compost para empregar nas súas propias hortas orgánicas e ecolóxicas.